En artigos anteriores comprobamos que o investimento en bolsa é o investimento financeiro cunha maior rendibilidade a longo prazo, e tamén examinamos as causas de esta rendibilidade superior. En este terceiro artigo veremos as vantaxes de investir en bolsa fronte a outro tipo de investimentos, como pode ser o inmobiliario ou a creación de empresas.
Simplicidade: Comparemos o investimento en bolsa con outros, como pode ser o de montar unha empresa. Para montar unha empresa precisamos levar a cabo unha cantidade importante de permisos administrativos, crear un plan de empresa, un modelo de negocio, etc. Isto precisa abundante tempo e diñeiro. En cambio, para investir en bolsa só precisamos de un intermediario financeiro, cuxa comisión é mínima a comparamos coa que precisamos para crear a empresa.
Liquidez: Comparemos o investimento en bolsa co investimento inmobiliario. Pensa no tempo que leva vender un piso. Con sorte, un par de meses, sen ela, podes estar anos agardando por compradores. En cambio, na bolsa podes converter o valor das túas accións en diñeiro en efectivo en segundos, mediante unha operación dende casa por internet.
Versatilidade: O investimento en bolsa pode adaptarse a calquera tipo de inversor. Por un lado, pódese escoller o perfil de risco do inversor, investindo en compañías asentadas ou en promesas con maior risco. Por outro lado, tamén se adapta ao nivel adquisitivo, xa que a cantidade a investir poder ir dende varios centos de euros a varios centos de millóns de euros.
Nos seguintes artigos veremos os diferentes estilos de investimento en bolsa e analizaremos cales ofrecen maior seguridade e rendibilidade para os inversores.


Ningún comentario:
Publicar un comentario